jueves, 25 de octubre de 2012

Os libros de Matilda: O xardín secreto


O Xardín Secreto é un clásico da literatura infantil en lingua inglesa, escrito por Frances Hodgson Burnett en 1910.
Tamén é un dos libros que Matilda le na Biblioteca. Valeria trouxo ao noso Club de Lectura información sobre este libro.

A protagonista desta historia é Mary Lennox, unha nena orfa que, despois de perder aos seus pais por unha epidemia de cólera na India, viaxa a Inglaterra para vivir ao coidado do seu tío, un home viúvo que reside nunha inmensa mansión de Yorkshire xunto a Colin, o seu malcriado fillo discapacitado. Alí, Mary descobre un inmenso e pechado xardín que estivo abandoado durante anos, e decide transformalo nun refuxio para ela e os seus tres novos amigos.
Detrás deste relato de personaxes inocentes e soñadores agóchase unha mensaxe máis profunda que ten relación co coidado e o desenvolvemento do noso interior e co estado do noso planeta. A través das vivencias da protagonista, a autora non só pretende entreter aos lectores, senón que intenta ensinar o valor da Terra e a importancia de ser cada día máis humanos.

En 1993 fíxose unha adaptación ao cine:




Os alumnos de 1º da ESO dun instituto de Cataluña, fixeron un interesante traballo sobre este libro:



domingo, 21 de octubre de 2012

Os libros de Matilda: O home invisible

Xa vimos no primeiro capítulo que Matilda, con só cinco anos, é unha lectora impresionante. Neste capítulo faise mención dos libros que Matilda vai lendo na Biblioteca.
Un deses libros é O home invisible, e deste texto e do seu autor trouxeron información ao Club de Lectura Isaac e Ángela.



O home invisible de H. G. Wells

Título: O home invisible
Autor: H. G. Wells
País: Inglaterra
Ano de publicación: 1897
Idioma orixinal: Inglés
Título orixinal: The invisible man
O home invisible é unha famosa novela de ciencia ficción escrita por H. G. Wells. O home invisible do título é Griffin, un científico que teoriza que se cambia o índice refractivo dunha persoa para coincidir exactamente co do aire, e o seu corpo non absorbe nin reflicte a luz, entón non será visible. Griffin logra levar a cabo este proceso consigo mesmo, pero logo non consegue volver ser visible, chegando a un estado mental inestable como resultado.



Máis infomación sobre H.G.Wells:





miércoles, 17 de octubre de 2012

Matilda

Hoxe tivemos a segunda sesión do Club de Lectura. Repartimos o material e comentamos o primeiro capítulo do libro, que xa nos pareceu moi entretido. Para a próxima reunión temos que ler 5 capítulos, nos que imos coñecer aos pais de Matilda. Preparádevos!
Tamén levamos unha ficha coa reseña do libro:




Matilda

Título: Matilda
Autor: Roald Dahl
Ilustrador: Quentin Blake
Editorial: Alfaguara

Introducción
Que pode sucederlle a unha nena de brillantísima intelixencia cuns pais vagos e desagradables tan preocupados polas súas vidas mesquiñas que ignoran que a súa filla é un xenio?
Este libro ofrécenos a resposta a tan longa pregunta. Un argumento moi ben estruturado, uns personaxes inesquecibles e unhas situacións imaxinativas conforman esta divertida novela que impresiona a cantos a len, pola súa forma e polo seu contido.





Argumento
Matilda é unha nena con moito talento, amante dos libros e o estudo. Os seus pais, os señores Wormwood, non valoran a súa filla e constantemente trátana de ignorante e estúpida. Matilda, farta de insultos, decide vingarse deles facéndolle trasnadas moi divertidas.
Na escola, atopa a unha directora horrible, a señora Trunchbull e tamén a unha profesora deliciosa, a señorita Honey, coa que conxenia enseguida. Matilda confésalle que ten máxicos poderes para mover obxectos do seu sitio. Moi pronto deberá demostralo para liberar á señorita Honey da tiranía da directora.


Interese formativo e temático
Unha situación familiar difícil non consigue amargar nin amedrentar á nova protagonista da novela; a pesar da presión dos seus pais, un vendedor corrupto e unha bingueira, a nena fai fronte aos seus problemas e logra solucionalos con enxeño e con moito sentido do humor.
Despois de ler esta novela, todos, grandes e pequenos, pensamos que sería estupendo parecernos a Matilda o polo menos ser os seus amigos.


E se queredes coñecer o que falan de Matilda noutros blogs:

domingo, 14 de octubre de 2012

Club de Lectura, comezamos

Este curso temos unha nova actividade na Biblioteca Escolar, iniciamos un Club de Lectura dirixido aos alumnos de 5º curso.
O pasado mércores tivemos a primeira sesión, na que participaron 11 alumnos de 5ºA e 5ºB.
Lucía C., Érika, Lara, Saray, Pablo e Raúl R. de 5ºA
Roque, Isaac, Valeria, Ángela e Paola de 5ºB
O libro que imos ler é Matilda, de Roald Dahl




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...